A IV Asemblea Anual CIMentos converterá o 28 de outubro o CITEXVI nun punto de encontro para a comunidade científica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. A xornada reunirá persoal investigador e técnico do CIM co obxectivo de coñecer e compartir a ciencia que se está a desenvolver no centro, intercambiar ideas e experiencias e favorecer novas colaboracións entre grupos e áreas de investigación. O programa combinará presentacións científicas e sesións de pósteres con espazos para o encontro e o diálogo e incluirá, ademais, a entrega do Premio CIM 2026 á investigadora Liliana Rusu, da Universidade Dunărea de Jos de Galați (Romanía).
Nesta edición, o Comité Científico da Asemblea está integrado polas persoas coordinadoras do programa de apoio ao persoal investigador posdoutoral CIM Renova: Diego Fernández Novoa, Estefanía Paredes Rosendo, Iria García Moreiras e Jorge Eiras Barca.
O persoal do CIM interesado en presentar os seus traballos poderá enviar propostas para comunicación oral ou póster. Os abstracts, cunha extensión máxima de 600 palabras, deberán redactarse en inglés e enviarse a cim@uvigo.gal. A data límite para o envío de abstracts será o 21 de setembro de 2026.
A participación na IV Asemblea Anual CIMentos require inscrición previa. Tanto o persoal que presente unha comunicación como aquel que desexe asistir á xornada deberá formalizar a súa inscrición.


