Desenvolvemos novas ferramentas para estudar cambios climáticos e outros cambios ambientais en ecosistemas mariños, tanto actuais como pasados, a partir do rexistro sedimentario. A micropaleontoloxía e a mineraloxía constitúen as técnicas centrais desta liña.
Empréganse microfósiles xa consolidados como bos bioindicadores, como os quistes de dinoflaxelados (formas de resistencia de algas microscópicas), pero tamén se exploran outros microfósiles orgánicos con potencial en (paleo)ecoloxía, como quistes de ciliados, ovos de copépodos e outras estruturas de resistencia formadas por organismos mariños e preservadas nos sedimentos.
O estudo detallado das asociacións mineralóxicas nas secuencias sedimentarias permite comprender os procesos de reactividade xeoquímica que operan nos sedimentos actuais, así como inferir as condicións xeoquímicas que prevaleceron en paleoambientes mariños. Ademais, constitúe unha ferramenta de grande utilidade para reconstruír a evolución climática doutros corpos planetarios, como Marte.
A análise microscópica de microfósiles, en combinación coa caracterización fisicoquímica de arxilas e outros minerais, permite avaliar a preservación de materia orgánica en sistemas costeiros e o seu potencial como indicador (paleo)ambiental e de estado ecolóxico.
Impulsoras
- Iria García Moreiras (coordinadora). Xeoloxía Mariña e Ambiental, GEOMA (XM-2). Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral, Xunta de Galicia, ata 2028.
- Carolina Gil Lozano. Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM-1). Retención de talento, ata 2029.
Técnicas e servizos que ofrecemos
- Procesado e preparación de mostras sedimentarias para palinoloxía e micropaleontoloxía (descrición de testemuños, submostraxe, tratamento químico, peneirado para concentrar os microfósiles e montaxe de preparacións microscópicas permanentes).
- Identificación (taxonomía) e cuantificación de microfósiles orgánicos (quistes de dinoflaxelados e outros palinomorfos non polínicos, NPP) en mostras sedimentarias, con interpretación ambiental.
- Análise de palinofacies e caracterización da materia orgánica: orixe (mariña ou terrestre) e estado de conservación.
- Análises estatísticas aplicadas a estudos de biodiversidade, modelos de idade e bioestratigrafía.
- Caracterización mineralóxica de sedimentos e arxilas mediante DRX, FTIR, Raman, XPS e SEM-EDX.
- Preparación de análogos de laboratorio, sintéticos e naturais, de distintos ambientes sedimentarios e xeoquímicos.
- Simulación experimental en cámaras e modelización xeoquímica (PHREEQC) de procesos de alteración mineral.
- Asesoramento no deseño de mostraxes en sedimentos mariños e costeiros para estudos estratigráficos aplicados.
Máis información
- Marine Palynology Lab (Iria García Moreiras): iriagamo.webs9.uvigo.es
- Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (GEOMA): geoma.net
Bibliografía destacada
- García-Moreiras, I., Pospelova, V., García-Gil, S., & Muñoz Sobrino, C. (2018). Climatic and anthropogenic impacts on the Ría de Vigo (NW Iberia) over the last two centuries: A high-resolution dinoflagellate cyst sedimentary record. Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology, 504, 201–218. https://doi.org/10.1016/j.palaeo.2018.05.032
- García-Moreiras, I., Amorim, A., & Zonneveld, K. (2024). Transport and preservation of calcareous and organic-walled dinoflagellate cysts off Cape Blanc (NW Africa) in relation to nepheloid layers. Marine Environmental Research, 199, 106577. https://doi.org/10.1016/j.marenvres.2024.106577
- Gil-Lozano, C., Muñoz-Iglesias, V., López-Ramírez, M. R., & Gago-Duport, L. (2026). Optimizing Raman spectroscopy for detecting organics in nontronite-rich Martian analogues. Applied Clay Science, 292, 108336. https://doi.org/10.1016/j.clay.2026.108336
- Gil-Lozano, C., Baron, F., Gaudin, A., Lorand, J. P., Fernandez, V., Hamon, J., & Mangold, N. (2024). The key role of bedrock composition in the formation of carbonates on Mars. Geochemical Perspectives Letters, 28, 54–59. https://doi.org/10.7185/geochemlet.2403
