Quen somos

Persoal investigador posdoutoral do Centro de Investigación Mariña

CIM-Renova é un programa impulsado por persoal investigador con contratos posdoutorais competitivos (Ramón y Cajal, Xunta de Galicia, Juan de la Cierva, Retención de Talento, etc.) que desenvolve a súa carreira no Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, no campus de Vigo ou de Ourense.

Formamos parte de grupos consolidados e desenvolvemos liñas de investigación novidosas, con técnicas e coñecementos que poden enriquecer o traballo doutros equipos. CIM-Renova nace para que esas liñas se recoñezan, medren e se compartan. O noso traballo organízase en catro liñas de investigación emerxentes.

Esta é unha iniciativa colaborativa e aberta: tratamos de sumar aos grupos existentes buscando o progreso conxunto, e aceptamos incorporacións de novo persoal investigador cun contrato posdoutoral competitivo.

Misión

Impulsar unha investigación mariña de excelencia desde a etapa posdoutoral, unindo as capacidades do seu persoal investigador, potenciando a lideranza posdoutoral e apoiando o novo talento investigador.

Visión

Ser unha comunidade estable e recoñecida de investigación posdoutoral en ciencias do mar, integrada no CIM e aberta á colaboración con outros centros, empresas e institucións.

Obxectivos

Compartir coñecementos, técnicas e servizos con toda a comunidade do CIM, fomentar sinerxías e intercambios con outros grupos, apoiar a carreira investigadora de xoves investigadoras e investigadores e divulgar o seu traballo dentro e fóra da universidade.

CIM-Renova

Obxectivos

  • Impulsar Liñas emerxentes do CIM
  • Potenciar Lideranza posdoutoral
  • Fortalecer O CV de investigadoras e investigadores do CIM
  • Apoiar Novo talento

Estratexias

  • Compartir Técnicas, servizos e coñecementos
  • Organizar Obradoiros e seminarios transversais
  • Deseñar Propostas conxuntas
  • Conectar Xoves pre- e posdocs con sénior

Resumo dos obxectivos e estratexias do programa CIM-Renova.

Quen formamos CIM-Renova

Actualmente formamos parte do programa 10 persoas cun contrato posdoutoral competitivo. Agrupámonos en 4 liñas emerxentes, cada unha con unha ou dúas persoas á fronte. No apartado Investigación, podes consultar en que consisten e as técnicas e servizos que ofertamos. Quen lidera unha liña emerxente actúa como nodo de coñecemento: comparte a súa experiencia, ofrece as súas técnicas e servizos, e conecta equipos que quizais non coincidiran antes. Se tes algunha suxestión ou queres propoñer unha colaboración, non dubides en contactar coa coordinación do programa ou das liñas emerxentes:

Coordinación:

  • Jorge Eiras Barca

    Jorge Eiras Barca

    Investigador Ramón y Cajal. Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), campus de Ourense.

  • Diego Fernández Nóvoa

    Diego Fernández Nóvoa

    Investigador posdoutoral da Xunta de Galicia. Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), campus de Ourense.

  • Iria García Moreiras

    Iria García Moreiras

    Investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia. Xeoloxía Mariña e Ambiental (GEOMA, XM-2), campus de Vigo.

  • Estefanía Paredes Rosendo

    Estefanía Paredes Rosendo

    Investigadora Ramón y Cajal. Ecoloxía e Zooloxía (EZ-1), campus de Vigo.

Integrantes:

  • Xurxo Costoya Noguerol

    Xurxo Costoya Noguerol

    Investigador Ramón y Cajal. Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), campus de Ourense.

  • Marisela Des Villanueva

    Marisela Des Villanueva

    Investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia. Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), campus de Ourense.

  • Carolina Gil Lozano

    Carolina Gil Lozano

    Investigadora con contrato de retención de talento da Universidade de Vigo. Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM-1), campus de Vigo.

  • Albenis Pérez Alarcón

    Albenis Pérez Alarcón

    Investigador posdoutoral da Xunta de Galicia. Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), campus de Ourense.

  • Rogert Sorí Gómez

    Rogert Sorí Gómez

    Investigador Ramón y Cajal. Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), campus de Ourense.

  • Milica Stojanovic

    Milica Stojanovic

    Investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia. Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), campus de Ourense.

Que ofrecemos

Actividades presenciais e virtuais que serán anunciadas na sección de Actualidade e a través das canles habituais de comunicación do CIM.

A nosa oferta irase adaptando ás necesidades do CIM, así que as túas suxestións son benvidas. Propoñemos organizar diferentes tipos de actividades:

  • Cursos e seminarios de habilidades transversais dirixidos a toda a comunidade investigadora do CIM.
  • Obradoiros metodolóxicos sobre bases de datos, técnicas emerxentes, etc.
  • Webinars e sesións informais para fomentar sinerxías entre grupos e apoiar propostas conxuntas.
  • Apoio a xoves investigadores: sesións dirixidas a persoal investigador predoutoral e posdoutoral júnior para orientar a súa carreira científica, establecer conexións con persoal sénior e axudar a fortalecer o seu CV.

Ademais, na descrición das liñas de investigación CIM-Renova atoparás un listado coas técnicas e servizos que ofrece cada liña.


Como participar?

Estamos abertos a novas incorporacións: se te incorporaches como persoal investigador posdoutoral do CIM con cargo a contratos ou bolsas competitivas, ou coñeces a alguén que o fixese, contacta connosco para unirte ao noso programa e comezar a potenciar a túa liña de investigación.

As actividades, servizos e técnicas de CIM-Renova están dirixidas a todo o CIM, desde estudantes predoutorais ata investigadoras e investigadores sénior. Se tes unha idea, unha necesidade técnica ou ganas de colaborar, escríbenos a cim.renova@uvigo.gal.

Anunciaremos as actividades en Actualidade.